Saturday 04 de May de 2024

140 estudantes de 23equipos galegos participanrán na fase rexional de lanzamento de satélites CanSat 2024, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea co apoio da Xunta


— Román Rodríguez subliña a importancia da formación en competencias como a programación ou as novas tecnoloxías enfocada para a cualificación do alumnado

— Asegura que formar a futuros profesionais nun maior desempeño tecnolóxico “aumenta as súas oportunidades laborais”

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, abriu esta mañá a xornada de formación para os 23 equipos galegos participantes na fase rexional de CanSat 2024, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea e que conta co apoio da Xunta de Galicia, na que se reta ao alumnado de Secundaria a realizar unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.

O titular de Educación do Goberno galego asegurou que este desafío ao que se van enfrontar os equipos galegos “supón moito máis ca unha demostración do seu entendemento no campo da aeronáutica, xa que tamén representa unha oportunidade para levar ao terreo práctico o que pode ser unha carreira de futuro para moitos deles”, abondou dirixíndose aos 140 participantes entre alumnado e profesorado da vintena de centros educativos adheridos ao proxecto.

Román Rodríguez salientou que encontros coma este axudan, desde as aulas, a xerar innovación aplicada, ao desenvolvemento colectivo, á resolución de retos tecnolóxicos e ao fortalecemento da capacidade dixital. “Ademais, formar a futuros profesionais nun maior desempeño tecnolóxico aumenta as súas oportunidades de obter un traballo en calquera sector”, afirmou.

Lanzamento o 23 de abril
O encontro de hoxe, no decurso do cal se desenvolven catro relatorios vinculados á temática de satélites, serviu para a presentación dos equipos, que están formados por un máximo de seis alumnos baixo a coordinación dun docente.

A xornada de lanzamento de satélites terá lugar o 23 de abril no aeródromo das Gaivotas en Cerceda e posteriormente, o día 26, haberá un evento para a defensa dos resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

Os centros participantes, algún deles con más dun equipo, son os seguintes:

 

Provincia Concello Centro
A Coruña Arteixo IES Manuel Murguía
A Coruña Betanzos CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen
A Coruña Cariño IES Cabo Ortegal
A Coruña A Coruña CPR Compañía de María
A Coruña Ferrol CPR Ayala
A Coruña Muxía IES Ramón Caamaño
A Coruña Noia IES Virxe do Mar
A Coruña Ortigueira IES de Ortigueira
A Coruña As Pontes IES Castro da Uz
Lugo Burela IES Perdouro
Lugo Lugo IES Lucus Augusti
Lugo Lugo IES Leiras Pulpeiro
Lugo Mondoñedo IES Plurilingüe San Rosendo
Ourense A Gudiña CPI Laureano Prieto
Ourense Ourense IES O Couto
Ourense Ourense CPR Santa María Maristas
Pontevedra Caldas IES Aquis Celenis
Pontevedra Vigo IES Álvaro Cunqueiro
Pontevedra Vigo IES República Oriental do Uruguai
Pontevedra Vigo CPR Plurilingüe Montecastelo
Pontevedra Vigo CPR Plurilingüe Las Acacias